fbpx

Na rúa… ‘Fala Baixiño’

Hostalaría Compostela é unha das asociacións que, xunto co Concello de Santiago, impulsa a campaña ‘Fala Baixiño’. O obxectivo é mitigar os ruídos que se producen na rúa en torno aos locais de ocio nocturno e favorecer o descanso da veciñanza.
O alcalde, Martiño Noriega, presentou a iniciativa nunha rolda de prensa na que tamén participaron o xerente de Hostalaría Compostela, Ramón García; a secretaria da sección de hospedaxe do noso colectivo, Rita Sobrado; o representante da Asociación de Bares e Pubs de Santiago, Sergio Fernández; o presidente de Vicus Francorum, José Rivas; e o representante da Asociación Cidade Vella, Martín Zarauza.
Esta campaña, que terá carácter anual, naceu ao abeiro da Mesa de diálogo co sector da hostalería nocturna, constituída polo Concello para abordar as problemáticas comúns deste tipo de establecementos e mellorar a convivencia coa cidadanía neste ámbito. Martiño Noriega lembrou que “esta mesa de diálogo está a dar importantes froitos, acordados entre a institución e o sector, relacionados coas instrucións sobre a normativa de sancións ou os aforos dos locais, e agora tamén con esta campaña”.
O rexedor incidiu en que “as queixas derivadas dos ruídos nocturnos non están relacionadas directamente cos establecementos, que cumpren a normativa, senón coas actitudes na rúa dalgúns mozos e mozas que non son conscientes das molestias que lles poden causar á veciñanza”. Martiño Noriega lembrou que “garantir a convivencia é o único xeito de garantir tamén que se poida manter a actividade dos establecementos de ocio nocturno, que son tamén parte da esencia de Compostela”.
Campaña anual
O representante da Asociación de Bares e Pubs de Santiago, Sergio Fernández, explicou que a campaña “Fala baixiño” terá carácter anual, e reforzarase fundamentalmente en datas sinaladas como “a Ascensión, o Apóstolo, o inicio do curso académico ou as datas previas ao Nadal nas que se celebran moitas ceas de empresa”. Nas datas nas que estamos, “as actuacións estarán especialmente pensadas para as terrazas, porque o bo tempo fai que se alongue o seu uso”.
A campaña “Fala baixiño” inclúe a distribución de cartaces identificativos, un decálogo de boas prácticas e chapas que levan os camareiros ou porteiros dos establecementos “para lembrarlle en todo momento á clientela que ao saír do local deben falar baixiño para non molestar á veciñanza que quere descansar”. Tamén se están repartindo pousavasos e bolígrafos.
Noutras épocas do ano mudarase o material a repartir. Así no inicio do curso académico, distribuiranse separadores de páxinas ou carpetas, e no entorno do Entroido haberá caretas e guirnaldas cos motivos da campaña.
Pola súa banda, o xerente de Hostalería Compostela, Ramón García, e a nosa secretaria, Rita Sobrado, lembraron que o sector xa puxera en marcha dúas campañas semellantes que deron bos resultados. Tamén agradeceron a implicación do Concello para chegar a un maior número de establecementos. Ademais, fixoron un chamamento á participación activa na campaña de todo o sector hostaleiro, “porque mellorar a convivencia e solucionar os problemas do ruído na rúa benefícianos a todos”. ❚

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Scroll Up