O ciclo Compostela en Marcha, que organizan as asociacións Hostalaría Compostela e Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, en colaboración co Concello, continúa esta semana con diversas actividades.
O ‘Cine libre’ -que houbo que suspender a semana pasada por mor do mal tempo- retomarase coa proxección da película ‘Os Fenómenos’, de Alfonso Zarauza. Será ás 21:00 h do mércores 26 de agosto na praza de San Paio de Antealtares e do xoves 27 na Rúa de Entremuros.
O programa seguirá o venres 28 coa música de ‘The Xoubas’ de 18:00 a 22:30 h no Hotel O Xardín de Julia (Virxe da Cerca, 20). O sábado 29 haberá unha ‘Sesión Vermú’, patrocinada por Petroni, de 13:30 a 18:00 h en Santo Agostiño con Trío Son Tres e celebrarase outro ‘Serán-Tardeo’ con Pauliña Rock desde as 18:00 h na Praza dos Gatos. O domingo 30 haberá de novo ‘Sesión Vermú’ en San Paio de Antealtares de 13:30 a 18:00 h con Sr Salvaje.
Todas as actividades faranse mantendo as medidas hixiénico-sanitarias e de distanciamento social necesarias para poder garantir a celebración de eventos fronte a Covid-19.
Para asistir, deberase facer unha reserva previa no seguinte correo electrónico e presentarse no lugar 15 minutos antes de comezar a actividade para non perder a reserva:
reservas@compostelaenmarcha.santiagohosteleria.net
Vai de Viños
Esta semana tamén continuará o ‘Vai de Viños Compostela’ polo Distrito de Altamira e zonas lindeiras, co patrocinio da adega Lagar de Costa. Os locais participantes son Frebas, Amoado, A Ostrería, Café de Altamira, A Sucursal de Moha, Casa Pepe, Taberna do Tarela, Casa Felisa, Mesón da Troia, Botafumeiro, Forest, Damajuana, Gramola, Filandón, Cervantes, Alvaroque, Fuco Lois, La Quintana, Garigolo, Xuntanza, Benboa, Milongas e Os Croques.
Haberá ruadas para animar a actividade e os clientes poderán optar a varios agasallos cubrindo as papeletas que facilitarán os bares. Con 5 selos entrarase no sorteo dunha viaxe á adega patrocinadora e con 10 selos, ademais de entrar no sorteo, recibirase un agasallo directo de Aceites Abril (ata fin de existencias).